O Parlamento pide á Xunta a reforma integral do CEIP Gregorio Sanz de Ribadeo

O PP defendeu a proposición co obxectivo de "garantir a funcionalidade das instalacións e o desenvolvemento da actividade educativa de forma eficiente"

Ceip Gregorio Sanz. GOOGLE MAPS

O Parlamento de Galicia insta á Xunta de Galicia a acometer a reforma integral do CEIP Gregorio Sanz de Ribadeo, por mor dunha proposición non de lei aprobada este venres por unanimidade na Comisión cuarta.

O grupo do Partido Popular (PP), que presentou a iniciativa que foi apoiada polo resto de grupos en comisión, defendeu a proposición co obxectivo de “garantir a funcionalidade das instalacións e o desenvolvemento da actividade educativa de forma eficiente” e “en condicións de seguridade” para o alumnado e o cadro de persoal.

Daniel Vega, do grupo parlamentario popular, sinalou que considera “necesario” acometer diversas obras de mellora que supoñan a “rehabilitación integral” das instalacións.

Entre elas, inclúese o acondicionamento e conservación dos inmobles; carpintería exterior e inferior -fiestras, portas, persianas lucernarias-; illamento das fachadas e traballos varios de albanelería; substitución das luminaras existentes por outras de baixo consumo e tecnoloxía LED; mellora dos falsos teitos, tabiques, pintado de aulas e novos sistemas eléctricos.

411 ALUMNOS

O CEIP Gregorio Sanz é de ámbito comarcal. Está situado no barrio da Faxarda, na parroquia de Ove. Trátase do único centro público de Educación Infantil e Primaria de Ribadeo e esteá adscrito ao instituto Porta da Auga. Este curso 2019/2020 incorpora unha sección bilingüe en primeiro e segundo de Primaria e desenvolverá o programa Edixgal en quinto e sexto.

O número de alumnos matriculados no pasado curso foi de 411: 117 en Educación Infantil e 294 en Primaria. As novas matrículas correspondentes a nenos de tres anos é de 44, o que acredita a súa demanda. Ademais, oferta como servizos complementarios os de transporte e comedor escolar gratuítos; o programa Bos Días, organizado pola Ampa A Faxarda; o programa Educando en Familia e distintas actividades extraescolares.

RESPOSTAR

Please enter your comment!
Please enter your name here